O Coruxo vence na categoría prebenxamín do VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona

Este xoves finalizou o VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona coa categoría prebenxamín, despois de catro días nos que tamén participaron as categorías chupete, alevín e benxamín.

Nesta última xornada, na que uns 250 nenos de 17 equipos disputaron un total de 40 partidos, o Coruxo proclamouse campión tras vencer na final ao Atlético Riveira. O terceiro clasificado foi o Once Caballeros e o cuarto o Unión Deportiva Atios. Tamén recibiu trofeo o mellor xogador, Nicolás Besada, e o mellor porteiro, Brais Martínez, ambos os dous do Atlético Riveira.

Na primeira xornada gañou o Santa Mariña na categoría chupete, e na segunda, celebrada o martes, os vencedores foron os alevíns do Pabellón de Ourense. O mércores, o campión da categoría benxamín foi o Vila do Corpus.

O VII Torneo de Fútbol 8 de Baiona, organizado polo Erizana, congregou nesta edición a máis de 1.100 nenos de entre 4 e 14 anos de toda Galicia, repartidos en 84 equipos. Durante catro días, nos campos do Aral e Val de Martín, nenos duns dos 50 clubs máis importantes de toda Galicia compartiron deporte, experiencias e aprendizaxe.