Sin categoría

Os hoteis de Baiona rozan o 100% mentres o Concello remata as obras de mantemento, pintado e limpeza

Baiona xa está lista para recibir aos miles de turistas que durante os próximos días teñen previsto visitar a Vila. Cos hoteis rozando o 100% de ocupación e practicamente sen prazas dispoñibles, os operarios dos diferentes departamentos do Concello remataron este mércores os traballos de mantemento iniciados nos últimos días para engalanar Baiona.

O incremento na chegada de turistas e peregrinos xa deixouse notar nas rúas e tamén na nova Oficia de Turismo. Durante as últimas horas as reservas hoteleiras foron en aumento e varios establecementos xa colgaron o cartel de completo. A semana comezou cun índice superior ao 85% de ocupación, pero como adiantaba a concelleira de Turismo, Beatriz González, as boas previsións meteorolóxicas fixeron que aumentase a demanda.

Os traballadores dos departamentos de Vías e Obras, Parques e Xardíns, Alumeado, Limpeza e Electricidade do Concello de Baiona, reforzados por operarios pertencentes ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, apuraron durante as últimas horas os traballos de mantemento nas rúas e estradas, especialmente na entrada norte pola parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.

Entre os traballos realizados, figuran o pintado de farois no paseo marítimo e na PO-552, ao seu paso pola parroquia de Santa Cristina, pintado de farois fernandinos na ponte da Ramallosa, limpeza das beiravías e pintado de amarelo dos bordos en rotondas e medianeiras e reparación de beirarrúas na zona de Los Tendales e la urbanización Vista Real de Baiona.

Ademais, tamén houbo traballos de mantemento e pintado do pavillón e colocación de losetas no colexio público de Sabarís, así como colocación de plantas ornamentais e cortado do céspede en rotondas de distintos lugares do termo municipal.