
A Sociedade Atlética Val Miñor, en colaboración co Concello de Gondomar a través da Concellaría de Deportes, organiza a xa tradicional proba de atletismo en ruta Memorial Manuel Barros, que este ano celebra a súa XVII edición.
A proba terá lugar o sábado 13 de maio dende as 18:00 horas. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o próximo 10 de maio ás 20:00 horas. Poderán participar todas as persoas que o desexen, estean federadas ou non, con excepción dos atletas estranxeiros federados no seu país, salvo os portugueses que non fosen internacionais co seu país nos últimos 5 anos.
Para a carreira absoluta (de Xuvenís a Veteranos), a inscrición farase na páxina web http://www.carreirasgalegas.com cun custo de 6 euros, que se deberán aboar a través da pasarela de pagamento e cubrir os datos solicitados no formulario. Para as categorías menores (de Pitufos a Cadetes) faranse a través da mesma páxina web sen custo ningún.
O circuíto discorrerá polas rúas de Gondomar para as categorías menores (ata Cadetes inclusive), e polos arredores do concello para a carreira absoluta (10 Km).
Ao finalizar a proba outorgaranse trofeos aos tres primeiros de cada categoría tanto feminina coma masculina e medallas conmemorativas nas categorías de Pre-Benxamín, Benxamín e Pitufos. Ademais premiarase o 1º atleta masculino e feminino do Val Miñor na carreira absoluta e haberá recordo conmemorativo nas categorías Alevín ata Absoluta.
Os cinco primeiros clasificados da carreira absoluta recibirán tamén un premio en metálico, de 30, 50, 100, 150 e 250 euros, do 5º ao 1º respectivamente.
Máis información nos teléfonos 608 748 393 e 629 587 439.