O porto de Baiona acollerá as cuartas xornadas divulgativas e gastronómicas «Vive a lonxa»

O porto de Baiona acollerá os días 13, 14 e 15 de abril as cuartas xornadas divulgativas e gastronómicas «Vive a lonxa», organizadas pola Confraría de Pescadores «La Anunciada» de Baiona e Mar de Silleiro.

As xornadas inclúen a 4ª Mostra Culinaria. Nunha carpa comedor instalada fronte á lonxa, os mariñeiros cociñarán desde as 11 da mañá para locais e visitantes, que poderán degustar mexillóns, navallas, percebes, ameixas, peixiños, ourizos, e moito máis.

O programa complétase con exhibicións de escenas mariñeiras, obradoiros artesanais para familias, zona para nenos, grupos de gaitas, unha exhibición de artes de pesca, unha exposición de fotos e vídeos da xente do mar, paseos marítimos en barco pola baía, unha zona de exposición de peixes e mariscos cun acuario coas capturas do noso mar, e un simulacro de rescate dun golfiño.

Durante os tres días tamén haberá unha mostra de Artesanía de Galicia, na que obradoiros artesáns de oficios como a xoiería, gravados, pintura, marroquinería ou cantería venderán e exhibirán os seus produtos. Permanecerá aberta de 11 a 21 horas.

PROGRAMA DAS IV XORNADAS DIVULGATIVAS E GASTRONÓMICAS "VIVE A LONXA"

Anuncios