Nigrán pon a punto as súas praias para unha Semana Santa con previsión hoteleira superior ao 80%

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán rematou este venres coa limpeza especial das súas praias de cara á Semana Santa, cando se calcula unha ocupación hoteleira superior ao 80% ante a previsión de que reine o bo tempo.

Operarios municipais e de Cespa limparon este xoves e venres de xeito manual todos os areais do municipio engadindo tamén os medios mecánicos a Praia América e Patos, onde por primeira vez este ano se empregou maquinaria seguindo a recomendación técnica. A Semana Santa marca o inicio da tempada de limpeza dos areais por parte de Cespa, a empresa concesionaria (durante o resto do ano as praias permanecen no seu estado natural, realizándose recollidas selectivas cando aparece lixo, sen retirar en ningún caso as algas, fundamentais para preservar a biodiversidade do entorno).

Nigrán duplicará dende esta fin de semana a súa poboación entre os turistas e a xente que ten aquí a súa segunda residencia, polo que o Concello desexa ofrecer a mellor imaxe do municipio tendo as praias en condicións óptimas para o desfrute de veciños e visitantes. “Apostamos polo turismo sostible e polo medio ambiente, con ese criterio coidamos os nosos areais durante todo o ano”, sinala o rexedor, quen destaca que a previsión hoteleira é dunha ocupación superior ao 80%, “o que a converterá na mellor Semana Santa dos último anos, algo tremendamente positivo para a economía local”.