Baiona retirará este verán 300 colectores de lixo e instalará 85 de carga lateral

Baiona terá este verán totalmente renovada o seu servizo de recollida de residuos sólidos urbanos coa instalación dunha nova rede de colectores de carga lateral. O Concello xa adxudicou o contrato público que permitirá retirar das rúas un total de 300 colectores e substituílos por 85 con maior capacidade e mellores prestacións.

A empresa galega Formato Verde será a encargada da fabricación dos novos colectores que se instalarán nas rúas de Baiona e entregará nas próximas semanas as 85 unidades, ademais de 20 centradores, para levar a cabo de inmediato a substitución. A aposta do goberno local na procura da mellora do servizo permitiu destinar a este fin fondos do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra.

“Os novos colectores teñen unha capacidade moi superior aos actuais. Así, 65 son de 3.200 litros cada un e os outros 20, de 1.800 litros, o que permitirá reducir a superficie ocupada na vía pública para conseguir rúas máis transitables e diminuír a altura co fin de reducir as barreiras visuais”, apunta a concelleira de Medio Ambiente, María Iglesias.

Ademais, os colectores serán de última xeración e estarán fabricados en polietileno, o que facilita a súa limpeza e prolonga a súa duración. Unha das principais características das unidades é que serán herméticos, polo que se reducen considerablemente as molestias ocasionadas polos olores.

De forma paralela, os concellos de Baiona e Nigrán acordarán no marco da Mancomunidade do Val Miñor a utilización dun camión de carga lateral durante o presente ano e a espera da entrega do novo vehículo municipal que actualmente está en fase de adxudicación.