Os escolares de Gondomar aprenden educación viaria

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Alumnos do CEIP Souto Donas participaron este mércores nun curso de Educación Viaria impartido pola Policía Local de Gondomar e a DXT, unha actividade que se está levando a cabo en todos os centros escolares do municipio. Para o alcalde, Paco Ferreira, que visitou aos pequenos acompañado polas concelleiras Nuria Lameiro e Iria Lamas, “é fundamental concienciar aos máis novos en seguridade viaria como materia transversal”.

O obxectivo desta actividade pasa por introducir a educación viaria desde a infancia, para minimizar o número de accidentes que se producen diariamente, ademais de tentar promover un cambio cultural na conduta viaria dos pequenos. Preténdese así que os nenos, con independencia da súa idade, saiban da importancia de levar a cabo unhas boas prácticas en relación co tráfico e que para eles supón unha maior seguridade.

Nun circuíto, o alumnado desempeña o rol de condutor e peón, facéndolles ver a importancia de convivir nun espazo no que debe reinar o respecto e a paciencia.