O Festival “Vive Nigrán” combinará música, gastronomía e lecer

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O alcalde de Nigrán, Juan González, acudiu á presentación en Madrid da campaña “Moito por descubrir. Rías Baixas por moitas razóns” coa que se promocionará a provincia como destino turístico en 2017 e na que se inclúen os Festivais Rías Baixas nos que se integra por primeira vez o municipio a través do evento “Vive Nigrán”. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou o proxecto promocional e tamén participou a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, con motivo da ser declarada Cidade Europea do Viño.

O festival “Vive Nigrán” pechará o circuíto das citas de Atlantic Fest o 26 e 27 de agosto no antigo campo de fútbol de Lourido, en Praia América. Un entorno privilexiado no que se mesturará música, gastronomía e deseño co obxectivo de atraer a un público de todas as idades durante toda a xornada. Así, se instalarán foodtruks e haberá unha zona de picnic, outra de mercadillo de deseño, obradoiros infantís con novas tecnoloxías… Todo elo vinculado á música do panorama indie nacional.

“O festival significa unha aposta máis do Concello para proxectar ao exterior a mellor imaxe do municipio, como xa facemos co Nigranjazz, e tamén para ofrecerlle aos nosos veciños e turistas unha proposta de ocio de calidade pensada para todos os públicos”, subliñou o alcalde.

Durante o evento Nigrán tamén saíu a escena cando se proxectaron vídeos sobre os Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia, concretamente o portugués pola costa, declarado oficial o pasado ano e que atravesa o municipio. “Ten un valor cultural e patrimonial incalculable e supón un activo máis para o turismo en Nigrán e en todo o Sur da provincia de Pontevedra”, indica González. O propio rexedor lembra que precisamente en Nigrán, no Pazo de Pías da Ramallosa, atópase o único establecemento do Val Miñor que pode selar a compostelá oficialmente, “un motivo engadido para potenciar a ruta pola costa”.

2017-04-06 - IMG_5481