Sin categoría

“A galiña azul” fai parada en Baiona este fin de semana no “FalaRedes”

O FalaRedes, programa que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos concellos que forman parte da súa Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana no concello de Baiona. A localidade do Val Miñor acollerá a actividade “A galiña azul”, de Ubú Teatro.

A cita será o sábado, ás 18:00 horas, no Auditorio V Centenario. As familias do municipio de Baiona están convocadas á actividade “A galiña azul”, unha adaptación que Ubú Teatro fixo para nenos e nenas de seis a dez anos. Será un boa oportunidade de achegarse a unha obra emblemática de Carlos Casares, autor ao que este ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras. Nesta actividade do FalaRedes, producida pola editorial Galaxia, están presentes valores tan importantes como a diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. A compañía responsable da adaptación, inegrada polos actores Ana Carreira e Manu Polo, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, o uso de monicreques ou o clown.

“FalaRedes 2017”

A sexta edición do programa de dinamización lingüística “FalaRedes” mantén os obxectivos das anteriores convocatorias de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do “FalaRedes” percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Coma sempre neste programa, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.