A Deputación súmase á reivindicación dunha sanidade 100% pública no Día Mundial da Saúde

FOTO: WIKIPEDIA

Con motivo da celebración do Día Mundial da Saúde e do Día Europeo contra a Mercantilización da Saúde, a Deputación despregará este venres, 7 de abril, unha lona co lema: “Sanidade 100% pública” na fachada do Pazo Provincial de Pontevedra.

A Deputación súmase deste xeito á reivindicación lanzada por preto de 40 cidades de todo o mundo e pon de manifesto unha vez máis o seu absoluto compromiso coa defensa dunha sanidade pública, universal, de calidade e gratuíta.

Do mesmo xeito dende esta institución quérese facer fincapé na importancia de contar cunha Atención Primaria óptima e accesible a toda a cidadanía como núcleo do sistema de saúde do país e cuestión integral no desenvolvemento socioeconómico xeral.

Pola súa parte, a Organización Mundial da Saúde (OMS) centra a súa campaña de sensibilización deste 2017 na depresión, unha enfermidade que afecta a persoas de todas a idades e condición sociais e de todo o mundo.

A depresión provoca angustia mental e afecta á capacidade das persoas para levar a cabo incluso as tarefas cotiás máis simples, o que pode ter efectos nefastos sobre as relacións coa familia e amizades e sobre a capacidade de gañarse a vida, podendo incluso, no peor das situacións, provocar o suicidio que na actualidade é segundo a OMS a segunda causa de morte entre as persoas de 15 a 29 anos de idade.

Non obstante, a depresión pódese previr e tratar, e xunto cunha atención axeitada, axuda psicosocial e medicación, pódese curar incluso en contornas con escasos recursos.

Anuncios