Os baioneses Diego Otero e Cristian Suárez, ao Campionato de España júnior e escolar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Os baioneses Diego Otero e Cristian Suárez participarán este fin de semana no Campionato de España júnior e escolar de Loitas Olímpicas que se celebrará en Oviedo.

Diego, que vén de proclamarse o pasado 25 de marzo campión de España cadete na categoría de 58 kg, competirá na modalidade de Loita Libre Olímpica júnior en 60 kg. Cristian farao en Escolar Masculino de Loita Olímpica, na categoría de 73 kg.

Ambos os dous deportistas, do Club de Loita Sabarís, formarán parte da expedición galega, que conta cun total de 63 integrantes. A competición terá lugar o sábado 8 de abril no Palacio dos Deportes de Oviedo.

Este é o primeiro ano que o Campionato de Loita da categoría infantil entra dentro do Deporte Escolar tutelado polo CSD. Grazas a este gran avance as Loitas Olímpicas poden equipararse a outras modalidades deportivas, tendo máis axuda para a súa participación. Temos que salientar a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte, na vestimenta dos deportistas escolares, cunha equipación única na nosa historia.

Por outra banda, Galicia vai a ser unha das comunidades autónomas con maior representación: 26 deportistas júniors e 24 deportistas escolares, estarán acompañados por 5 árbitros nacionais e 8 técnicos.

Tras o éxito dos resultados da selección Galega sénior e cadete nos pasados campionatos de España, Galicia volve a optar a copar o podio por comunidades autónomas.