Nigrán participará na xornada mundial «Ocean Initiatives»

FOTO: PRADO SURF ESCOLA

Este sábado 8 de abril, os alumnos e o equipo que forman Prado Surf Escola, limparán a praia de Patos, en Nigrán, e ademais recibirán formación sobre o varamento de mamíferos mariños, como golfiños ou baleas.

A actividade forma parte de Ocean Initiatives, un programa de Surfrider Foundation Europe para tratar a contaminación dos lixos mariños a través da educación e da conciencia cidadá. Estas xornadas celébranse desde hai máis de 15 anos e desenvólvense á vez en todo o continente europeo de forma simultánea. O obxectivo da xornada é a sensibilización sobre os residuos acuáticos mediante limpezas de praia, lagos, ríos e fondos mariños e participan anualmente miles de persoas en toda Europa. En 2016 participaron máis de 100.000 persoas de 35 países.

Ademais de Surfrider Foundation, contan coa participación da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que instalará na terraza da escola un posto con telescopios terrestres e prismáticos para a observación de aves mariñas e unha exposición sobre os cetáceos, tartarugas e focas en Galicia, enfocada a informar sobre o efecto dos plásticos nas especies mariñas. Por último, todos os asistentes poderán participar nun simulacro de rescate dun golfiño vivo.

A cita será na Praia de Patos, a partir das 10:30 horas. A xornada comezará coa limpeza da praia, a continuación farán un simulacro de rescate dun golfiño varado, para terminar todos xuntos surfeando.