A empresa Triomachine, que comezou a realizar a súa actividade en Porto do Molle o pasado mes de setembro, comprou esta mañá ao Consorcio da Zona Franca a parcela lindeira ás súas actuais instalacións co que, en menos de seis meses, a firma dedicada á fabricación de liñas de produción e maquinaria para a industria alimentaria conseguiu duplicar a superficie para as súas instalacións. A delegada, Teresa Pedrosa, felicitou persoalmente ao director xeral Yago Carleos, por este éxito empresarial dunha industria que desde a súa instalación no parque de Nigrán, seguiu avanzando a velocidade vertixinosa polo aumento da súa carteira de pedidos. A firma da compra desta nova parcela de 2.500 metros cadrados tivo lugar esta mañá nas instalacións da fábrica en Porto do Molle.
Yago Carleos resume a súa satisfacción pola súa localización en Porto do Molle “deste parque empresarial destaco a alta calidade das infraestruturas, a súa contorna natural e os servizos que continuamente nos achega a Zona Franca ás empresas aquí instaladas”.
Baixo a marca comercial de Gaictech® the canning machinery company, a familia Carleos leva máis de vinte anos dedicándose á investigación e fabricación de equipos e sistemas para a industria alimentaria, basicamente conserveira, tanto de peixes e moluscos como dentro da industria cárnica e alimentaria para as que desenvolve sistemas a medida das empresas. Con cento por cento capital galego, esta empresa conta cun equipo técnico e humano altamente formado e cualificado e cunha ampla experiencia no sector o que lles permitiu esta gran expansión. A necesidade de novas instalacións explícase desde a empresa debido ao aumento de pedidos e maior alcance dos proxectos tanto provenientes do mercado local como internacional xa que actualmente o 85 por cento da súa facturación débese á exportación. Os países para os que fabrica de equipos a medida e onde atende e dá servizos de asistencia técnica, formación e certificación localízanse en Latinoamérica, Tailandia, Filipinas e o Magreb.

