O Concello de Nigrán únese á Fundación Menela para celebrar o Día Mundial do Autismo

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán sumouse hoxe á campaña do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (o 2 de abril) a través da Fundación Menela, que xestiona en Priegue o Centro Castro Navás de atención a persoas adultas con este trastorno. Deste xeito, esta mañá o alcalde, Juan González, e os edís de Facenda, Medio Ambiente, e Educación, participaron xunto ao director da Fundación, Cipriano Luís Jiménez, e un dos usuarios do centro, José Ángel Sanromán, na campaña en redes sociais, que consiste en escribir nun papel o que cada un considera que pode ser unha barreira de accesibilidade para unha persoa con autismo e, a continuación, facer unha foto rompendo ese papel. Entre as «barreiras» escollidas para acabar con elas estivo «Accesibilidade 100%», «Falta de oportunidades laborais», «Falta de apoio social», «Ausencia de axudas». Esta foto será colgada nas redes sociais do Concello e da propia Fundación Menela.

Por outra banda, e tamén dentro da mesma campaña, a Casa do Concello iluminarase de azul na noite do sábado ao domingo como decenas de edificios de todo o mundo, que expresan deste xeito a súa solidariedade coas persoas con Trastorno do Espectro do Autismo e as súas familias (esta campaña de sensibilización de carácter internacional promovida dende Autism Speaks é coñecida polas súas siglas en inglés LIUB).

«O lema deste goberno e o fin co que traballamos día a día é ‘Un Nigrán para todos’ porque precisamente cremos nun municipio 100% accesible dende o punto de vista cognitivo e funcional. Sumámonos encantados á celebración porque cremos nas campañas de concienciación á cidadanía e porque é o xeito de amosar o noso apoio ás persoas con este trastorno e as súas familias», sinalou o alcalde, Juan González.

Anuncios