Anuncios
Ticker de novas

A Deputación crea un novo programa de mantemento dos campos de fútbol da provincia

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Deputación de Pontevedra impulsa un programa de mantemento dos campos de fútbol de herba natural e sintética de toda a provincia coa cesión aos concellos da maquinaria e o persoal necesario para os traballos a desenvolver. Este programa, que contémplase no Plan Estratéxico de Deporte da Deputación, garante así a recuperación destes espazos que, en moitos casos, presentan un estado de conservación deplorable pola falla de previsión do seu mantemento.

A novidade é que por primeira vez atenderanse as peticións para os campos de herba artificial que ata agora non estaban contemplados na colaboración da Deputación cos concellos. Así o goberno provincial de Carmela Silva pon en marcha esta liña de actuación xa que moitos municipios estaban a adicar recursos do Plan Concellos para a substitución da cuberta de herba, incluso sen que concluíra o seu período de vida útil polo escaso mantemento.

Con este programa, dotado dos medios materiais (tractor e apeiro subsolador-varredor) nos campos de herba artificial poderán realizarse labores de limpeza e retirada de elementos non desexados, descompactación do céspede e/ou da carga para que non perda calidades de amortecemento, cepillado da cuberta artificial para evitar a perda de elasticidade e rozamento e medios para a reposición de area e caucho. No caso de campos de herba natural póñense a disposición dos concellos maquinaria e persoal para o seu escarificado, picado e sementeira.

A Deputación pon en marcha este plan de mantemento para o cal os concellos deberán solicitar a maquinaria e o persoal cualificado mediante unha instancia dirixida á institución. Vanse a atender por rigorosa orde de rexistro.

Os concellos, nunha colaboración proactiva coa institución provincial, deberán proporcionar o caucho ou área para a receba co obxectivo de mellorar as condicións da cuberta do campo artificial. Deberán tamén realizar a limpeza das quenllas perimétricas de drenaxe do campo e a revisión das xuntas da moqueta artificial que deberán ser realizados por persoal municipal. Nos campos de herba natural os concellos deberán aportar a semente se esta fose necesaria para cubrir zonas despexadas.

A totalidade das solicitudes serán avaliadas polo servizo de Medio Ambiente da Deputación que elaborará un calendario de actuacións nos campos de fútbol de aqueles concellos que o soliciten.

Anuncios