A ambición do Club Ciclista Rías Baixas apunta ao prestixioso Memorial Valenciaga

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

A Copa de España Elite e Sub23 atravesa este domingo o seu ecuador coa celebración dunha das súas citas máis prestixiosas. O Memorial Valenciaga conta na súa palmarés con vencedores como Julián Gorospe, Óscar Freire ou “Purito” Rodríguez e a esa nómina soñan con unirse os corredores do Club Ciclista Rías Baixas. O proxecto que preside José Luis Chamorro viaxa ata a localidade guipuscoana de Eibar coa máxima ambición.

O pasado domingo no Memorial Momparler ao conxunto do Val Miñor sobráronlle dez quilómetros para lograr a vitoria. Jesús Nanclares foi neutralizado no tramo final polo grupo de favoritos despois de atacar xunto ao seu compañeiro Rodrigo Enríquez.

Co seu rendemento na cuarta proba puntuable da Copa de España, o berciano e o ourensán escalaron postos na xeral, que continúa comandada por Gonzalo Serrano (Caja Rural) e na que Diego Tirilonte, décimo quinto, é o mellor clasificado do Club Ciclista Rías Baixas. Os tres corredores Elite que dirixe Marcos Serrano repiten presenza na aliñación para o Memorial Valenciaga. Os sub23 Raúl González, Borja Alfaraz, Diego González e Lois Rodríguez completan a formación da escuadra miñorana para esta xornada.

O Club Ciclista Eibarrés organiza a 46ª edición desta carreira cun perfil ideal para escaladores. O percorrido presenta dúas importantes novidades: un pequeno tramo intermedio coa inclusión do porto de Elgeta (2ª categoría, km. 100), e o intercambio das dúas últimos ascensións puntuables, con Ixúa (1ª, km. 135,1) antes de San Miguel (2ª, km. 150,6).

A saída darase en Eibar ás 8:55 horas para chegar novamente á capital armeira sobre as 13:15 tras 164,3 quilómetros de sinuoso trazado, que inclúe outras tres ascensións puntuables, en Itziar (3ª, km. 23,9), Meagas (3ª, km. 38,7) e Areitio (3ª, km. 125,2). O pelotón estará formado polos ciclistas dos 26 equipos oficiais da Copa de España aos que se unirán dous conxuntos invitados, Grupo Eulen e Eibar Hiria-Debabarrena.