O Concello de Baiona reformará o Campo do Aral cun investimento superior aos 265.000 euros

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona reformará integramente o Campo de Fútbol Municipal do Aral cun investimento superior aos 265.000 euros que permitirá renovar as instalacións e mellorará tanto o terreo de xogo (6.000 metros cadrados) como a pista de atletismo (2.000 m2) cunha base elástica que previrá lesións.

Trátase dunha reforma integral necesaria, é unha renovación a fondo para mellorar unha das instalacións máis utilizadas polos baioneses, especialmente por rapaces das escolas deportivas municipais e clubs de categorías inferiores, e queremos que siga a funcionar ao máximo rendemento”, apunta o alcalde, Ángel Rodal.

A aposta do goberno local pola mellora do campo confírmase así destinando os fondos do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra e incluíndo a substitución completa da pavimentación, así como o céspede e a pista de atletismo.

Un dos grandes avances para mellorar a prestación do terreo de xogo será a colocación dunha base elástica de cortiza natural cun espesor de 12 centímetros, o que aportará unha maior seguridade para os deportistas en caso de caídas.

Ademais do terreo de xogo, tamén se levará a cabo a substitución da superficie da pista de atletismo con material de última xeración.

O bo entendemento entre o goberno local e a directiva do Erizana F.C., un dos principais usuarios do Campo de Fútbol Municipal do Aral, permitiu analizar nas últimas semanas as necesidades do club e das instalacións para decidir cales serían as reformas a levar a cabo.

O Campo de Fútbol Municipal do Aral foi construído hai dez anos, polo que o céspede atópase no tempo máxima de idade, e o goberno local planificou as reformas para que continúe a ser o campo de referencia.

Durante esta década, o Aral converteuse na infraestrutura deportiva máis utilizada polos veciños de Baiona e unha das máis demandadas da provincia. A súa situación no centro da Vila favorece que tanto un dos equipos de referencia como as Escolas Deportivas Municipais, fagan uso das instalacións.

Anuncios