Este sábado decídese en Baiona a Liga de Inverno Clase J80, a competición de monotipos organizada polo Monte Real Club de Iates que ven celebrando desde o pasado mes de xaneiro en augas da baía baionesa.
A partir das tres da tarde, e cunha boa previsión meteorolóxica para a navegación, os doce veleiros participantes disputaranse as últimas tres regatas previstas no programa deportivo.
Serán esas tres últimas probas as que acaben de deseñar o podio de gañadores, ao que se subirán, con toda probabilidade, as tripulacións do Okofen, liderada polo vigués Javier de la Gándara; e a do Miudo by Storax, con Rui Ramada, Francisca Barros, Alfonso Leite e Tiago Roquette alternándose na cana nas diferentes etapas.
Salvo grandes sorpresas de última hora levarán, respectivamente, o ouro e a prata da competición; e será polo bronce polo que haxa unha maior disputa. Separados apenas por dous puntos, o Ferralemes de Enrique Porto, patroneado na última xornada polo campión de España de Vaurien, Pablo Cabello; e o Virazón de Miguel Lago, liderado por Javier Rey durante gran parte da liga, pelexarán por subirse ao último caixón do podio de gañadores.
Con todo, a máis que probable aplicación dun novo descarte, que lle permitiría aos barcos anular o seu peor resultado, podería modificar bastante a puntuación e facer subir postos a barcos como o Cansino, de Fernando Yáñez; ou o Mondo, de Bernardo Macedo, situados a día de hoxe na metade da clasificación provisional.
Algo máis abaixo na táboa están, por esta orde, o Pazo de Cea de María Campos, o Luna Nueva de Juan Luís Tuero, o Namasté de Luís de Mira, o Alumisel de Willy Caamaño, o Marías de Manuel María Cunha e o Náutico Cormorán de Francisco Javier Martínez.
As últimas probas da Liga de Inverno Clase J80 disputaranse mañá sábado a partir das tres da tarde. O programa da competición prevé tres regatas cun percorrido barlovento sotavento dunha duración aproximada de 35 minutos cada unha. Unha vez finalizadas, xa pola noite, o Monte Real Club de Iates acollerá unha cea de confraternización para todos os participantes, na cal se entregarán os premios aos gañadores.

