A planta baixa do Concello de Nigrán reabriu esta semana completamente renovada despois de dous meses de obras para eliminar barreiras físicas e sensoriais. Os traballos, cun custe de 132.995,56 euros financiados ao 100% pola Deputación de Pontevedra, enmárcase na iniciativa ‘Un Nigrán para todos’, lema do proxecto pioneiro en Galicia co que Concello e Centro de Educación Especial Juan María traballan para promover a inclusión e mellorar a accesibilidade física e sensorial en todo municipio.
A nova planta baixa reabre como un espazo aberto e moderno, eliminándose todas as zonas acristaladas co obxectivo de facilitar a comunicación entre os traballadores e os veciños facendo diso un lugar máis agradable. Así, renovouse todo o mobiliario e ao longo dun gran mostrador, presenta unha zona máis baixa para poder ser empregado polas persoas que usan cadeira de rodas) onde sitúase o persoal da área económica do Concello (Recadación, Tesourería…), departamento de atención cidadá e o rexistro.
Outro dos obxectivos desta reforma integral son os baños, que agora son totalmente adaptados e mesmo con cambiador de cueiros.
Nesta obra non só se eliminaron todas as barreiras físicas, senón tamén as sensoriais. Así, o deseño dos pictogramas que indican cada departamento ou espazo fíxose conxuntamente cun equipo de traballo de Un Nigrán para Todos co obxectivo de que poidan ser comprensibles para todas as persoas, sen necesidade de ler.
“O fin último de cada cousa foi mellorar a atención a toda a cidadanía eliminando as barreiras físicas e sensoriais para permitir unha comunicación e trato máis directos”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que se trataba dun espazo moi deteriorado polo uso, a carencia de reformas e cunha distribución pouco axeitada para o seu correcto funcionamento. «Non estaba adaptado ás normativas que foron xurdindo e, consecuentemente, presentaba graves problemas de accesibilidade», recalca.
Por outra banda, ampliouse e substituíuse a porta de entrada e eliminouse o peldaño semicircular existente no interior do Concello. Ademais, incluíuse un sistema de renovación do aire, un sistema de falso teito con illamento acústico, mudouse o pavimento por un antideslizante ou substituíuse a iluminación eléctrica por LED (máis eficiente)…
Roteiros seguros
A obra non se limitou ao Concello, senón as súas inmediacións tamén. O seu entorno, con gran tráfico peonil debido á presencia do colexio Humberto Juanes, era compartido indistintamente por vehículos e persoas (fundamentalmente nenos). Así, abriuse o espazo necesario para a construción de beirarrúas que discorren dende a Praza do Concello e ao carón das escolas infantís e antigas casas dos mestres, o que permite un acceso peonil ao colexio completamente seguro para os escolares, ao tempo que se da máis protagonismo á Praza.
“Queremos poñer en valor toda a zona e que se converta nun verdadeiro punto de encontro da veciñanza, unha filosofía que tamén levaremos a outros puntos do municipio”, asegura González.



