Anuncios
Ticker de novas

Tres detidos e unha vintena de vítimas por unha oferta laboral fraudulenta en Baiona

A Garda Civil detivo aos presuntos autores dun delito continuado de estafa que ofrecían falsos postos de traballo en España e o estranxeiro a cambio do pago de cantidades de diñeiro que oscilaban entre os 140 e os 500 euros.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse o pasado mes de febreiro cando un veciño de Nigrán denuncia ser vítima dunha estafa por parte dunha persoa que lle ofrecía un posto de traballo en Barcelona.

O denunciante, que estaba inscrito nunha páxina web de anuncios na internet para buscar un emprego, recibiu unha chamada dunha persoa que lle ofrecía traballo como albanel nunha cidade de España. A cambio pedíalle 140 euros para facer fronte ao aluguer da vivenda na que se tería que aloxar. Este veciño de Nigrán ingresou o diñeiro nunha conta bancaria sen recibir o contrato de traballo que lle prometían.

Por mor das investigacións realizadas, a Garda Civil puido pescudar que leste mesmo individuo, utilizando o mesmo modus operandi, coa única diferenza da cantidade de diñeiro que pedía, que oscilaba entre os 140 e os 500 euros, conseguiu enganar e estafar a preto dunha vintena de persoas.

Ata o momento, a Garda Civil identificou un total de 16 vítimas, residentes en distintas provincias da comunidade autónoma de Galicia (Pontevedra, Coruña e Ourense) e mesmo en varias cidades de Asturias, como: Xixón, Langreo, Avilés e Mieres. O montante do diñeiro estafado ás persoas identificadas supera os 2.000 euros.

A Garda Civil concluíu a primeira fase desta operación, bautizada co nome de Toki-1, coa identificación e detención deste individuo como principal responsable das estafas. Esta persoa, JJ.M.V., de 32 anos, con domicilio habitual en Redondela, foi arrestada en Ourense, xunto coa súa noiva AM.B.D., de 23 anos, veciña de Vigo, que tamén foi detida como coautora e colaboradora necesaria na maior parte das estafas investigadas ata o momento.

No armazón delituoso, a noiva era a que atendía as chamadas telefónicas dos afectados cando pretendían recuperar o diñeiro ao sentirse enganados. En todos os casos ela trataba de desentenderse do problema e desculpaba ao seu noivo dicíndolles que se atopaba ausente en Alemaña por motivos de traballo.

No marco do mesmo operativo, tamén foi detido un mozo, de 20 anos de idade, I.C.A., veciño de Ourense, ao que se lle considera coautor, nalgunhas das estafas.

Unha vez postos os detidos a disposición da autoridade xudicial no Xulgado de Instrución núm. 3 de Ourense, que decretou a liberdade provisional con cargos, iniciouse a segunda fase da operación para continuar coas investigacións e identificar á totalidade dos afectados, que se supoñen moito máis numerosos, tendo en conta que as persoas que foron arrestadas levaban operando con esta modalidade de estafa desde o mes de outubro do ano pasado.

Con tal fin, a Garda Civil solicita a colaboración cidadá e insta os posibles afectados a que se poñan en contacto co Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán (Tlf. 986355027) para formular a correspondente denuncia.

Anuncios