Sin categoría

Os triatletas Alarza e Serrat competirán en ciclismo co Rías Baixas

Dous representantes da “armada española” de tríatlon lucirán as cores do Club Ciclista Rías Baixas en competicións Elite e Sub23 de ciclismo. A entidade presidida por José Luis Chamorro xa presumía de ter nas súas filas a un enorme especialista como Gustavo Rodríguez, recente campión de España de dúatlon, e dous dos seus compañeiros de adestramentos decidíronse a sacar licenza coa entidade miñorana. A incorporación de Fernando Alarza e Antonio Serrat supón todo un luxo e un orgullo para o persoal que dirixe Marcos Serrano.

O palmarés de Fernando Alarza sitúao aos seus 25 anos como un dos mellores triatletas do planeta. O talaverano conquistou o pasado ano a medalla de bronce no Campionato do Mundo e impúxose na cita das Series Mundiais celebrada en Cidade do Cabo. Foi un dos tres representantes españois nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro, onde asinou a décimo oitava praza.

O seu debut nas filas do Club Ciclista Rías Baixas será inminente. Este domingo participará na Clásica de Primavera que se celebra na súa localidade natal e o vindeiro martes será un dos integrantes da formación do Val Miñor na clásica de Ontur, proba puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo.

Pola súa banda, Antonio Serrat está chamado a ser unha das grandes referencias do tríatlon mundial nun futuro non moi afastado. Este vigués, nacido en 1995, proclamouse fai tres anos subcampión do mundo júnior. A súa progresión foi constante, gañándose o dereito para participar en probas das Series Mundiais e cultivando resultados como o segundo posto na Copa de Europa do pasado ano en Madrid.

Estas dúas figuras do tríatlon prepáranse ás ordes do técnico Omar González en Pontevedra, onde comparten grupo de traballo con Gustavo Rodríguez. Competindo no pelotón Elite e Sub23 de ciclismo buscan adestramentos de calidade para o sector intermedio da súa modalidade.