Charla informativa en Nigrán sobre o novo decreto de vivendas de uso turístico

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Turismo de Galicia celebrará esta semana en Nigrán unha xornada informativa sobre o novo decreto polo que se establece a ordenación dos apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.

A principal novidade desta nova norma, que entrará en vigor o 10 de maio deste ano 2017, é a regulación, por primeira vez, das vivendas de uso turístico, na que se conteñen os requisitos e servizos mínimos dos que deberá dispoñer e o seu réxime de funcionamento e do exercicio da actividade.

O decreto define as vivendas de uso turístico como aquelas cedidas a terceiras persoas de xeito reiterado -dúas o máis veces ao ano- e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración -inferior a trinta días consecutivos- e amobladas e equipadas en condicións de inmediata dispoñibilidade.

Esta nova regulación é necesaria debido á proliferación da tendencia de alugar por días ou semanas a vivenda habitual, que se viu favorecida coa creación de páxinas web que ofertan este tipo de aloxamentos dun xeito rápido e sinxelo.

A Xunta cumpre, así, unha demanda do sector turístico, o cal manifestou en numerosas ocasións a necesidade de regular este tipo de aloxamento, debido ao seu forte impacto e á competencia desleal que supón respecto do aloxamento turístico regrado.

A xornada terá lugar o mércores 15 de marzo ás 20:15 horas no Club Naútico de Panxón (Praza José Mogimes, 14).

O obxectivo da xornada é explicar os aspectos fundamentais do novo decreto e intentar resolver as dúbidas, preguntas e cuestións que poidan xurdir en relación co seu contido e aplicación de xeito que están destinadas a todos aqueles que estean interesados en recibir máis información sobre esta cuestión sendo de entrada libre e gratuíta.