Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas volveu estar moi activo no Trofeo Guerrita

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Non hai fuga afastada na Copa de España 2017 que non teña un representante do Club Ciclista Rías Baixas. O Trofeo Guerrita celebrado este domingo en terras murcianas non foi unha excepción. Diego González e Jesús Nanclares participaron nas dúas escapadas que callaron antes de que a carreira rompese por completo na subida da Perdiz, de 1ª categoría. Diego Tirilonte estivo unha vez máis preto das mellores e ocupando o decimosétimo posto foi o mellor clasificado da entidade presidida por José Luis Chamorro na meta de Alcantarilla.

A terceira xornada puntuable do gran certame estatal Elite e Sub23 disputouse sobre 148 quilómetros. O tramo inicial transcorría nun circuíto urbano ao que se daban seis voltas e na segunda delas destacáronse nove corredores con Diego González entre eles. Despois de dispoñer dun minuto de vantaxe, o pelotón neutralizounos no km.46.

Inmediatamente xurdiu unha nova fuga con Jesús Nanclares formando un tercerto con Eusebio Pascual (Mutua de Levante) e Julen Amarika (Aldro Team). Chegaron a dispoñer dunha renda de 1:50 e o berciano do Club Ciclista Rías Baixas coroou en primeira posición o porto de Espuña, de 3ª categoría. Exercendo de ponte entre os escapados e o pelotón situouse un quinteto con Diego González volvendo á carga.

Os oito aventureiros fusionáronse ao comezo da Perdiz, onde se desatou a batalla entre os homes máis fortes. Nos 60 quilómetros restantes non houbo tregua e Aleksandr Grigoriev (Mutua de Levante) fíxose co triunfo. A 1:52 do gañador chegou Tirilonte no mesmo grupo que a camisola amarela Gonzalo Serrano (Caja Rural). O cántabro do conxunto do Val Miñor asinou a 17ª praza.

O 43º posto de Rodrigo Enríquez, a 3:05, e o 90º de Nanclares, a 5:50, levaron ao Club Ciclista Rías Baixas á duodécima praza da clasificación por equipos.

A Copa de España descansa o próximo fin de semana para afrontar a súa cuarta puntuable o domingo 26 de marzo co V Memorial Momparler en Valencia.

Anuncios