63 positivos nas 1.475 probas de alcoholemia realizadas durante a Festa da Arribada

FOTO: GARDA CIVIL

Con motivo da tradicional festa da Arribada que se celebrou estes días na localidade de Baiona e no marco das actividades preventivas que levan este tipo de eventos, nos que se concentra un considerable número de persoas e vehículos, o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra levou a cabo un dispositivo especial de servizo para conseguir comportamentos máis seguros de todos os condutores e detectar aqueles usuarios que consumisen drogas ou bebido alcol superando os límites establecidos.

No marco deste operativo especial, desenvolvido durante o pasado fin de semana, a Garda Civil de Tráfico realizou 1.475 probas de alcoholemia, das que 63 deron resultado positivo.

Dos casos positivos detectados nos controis de alcoholemia, 53 condutores foron denunciados por vía administrativa e enfróntanse a unha sanción económica de 1.000 euros e a detracción de 6 puntos.

Aos 10 condutores restantes instruíronselles dilixencias por vía penal, ao superar a taxa de 0,60 mg/l en aire expirado cuxas consecuencias poden ir desde a pena de prisión de tres a seis meses, unha multa de seis a doce meses ou de traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días e, en calquera caso, coa privación do dereito para conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior dun ata catro anos.

Noutra orde de actuacións, sinalar que formularon varias denunciadas por diversas infraccións á normativa de seguridade viaria, tales como non someter o vehículo á ITV periódica, ter pneumáticos en mal estado, non facer uso do cinto de seguridade ou facer uso do teléfono móbil mentres conduce.

Entre as incidencias máis destacables, sinalar a dun condutor que foi interceptado cando circulaba a unha velocidade inadecuada, sen facer uso do cinto de seguridade. Sometido á proba de drogas detectóuselle un consumo recente de cocaína e THC. Esta persoa ía acompañada da súa esposa, que tampouco facía uso do cinto de seguridade, transportando o bebé nos brazos.

Reforzáronse tamén as actuacións para detectar condutores de ciclomotores e motocicletas que consumiran alcol e drogas, detectando 5 pilotos de ciclomotores que arroxaron resultado positivo e 1 de motocicleta cunha taxa de 0,78 e 0,81 mg/l en aire expirado.

Anuncios