Anuncios
Ticker de novas

Alberto Meira e José Murado conquistan a segunda praza no Rali do Cocido de Lalín

Nun dos seus mellores arranques de tempada dos últimos anos, Alberto Meira e José Murado volveron subir ao podio nunha cita do Galego de Ralis. Esta vez foi en Lalín, escenario do Rali do Cocido, onde ambos lograban clasificarse na segunda posición. Meira comentaba que: “Durante os últimos anos, hase dado o caso que nos faltaba sorte nos primeiros ralis do ano, e iso obrigábanos a ter que remontar durante o resto da tempada, sen posibilidade de erro. Pasounos por exemplo o ano pasado, cando neste mesmo rali tivemos que abandonar por unha avaría. En cambio nesta campaña estamos a ser moi consistentes, o noso coche está a funcionar á perfección, e para a loita polo título creo que todo irá ben se seguimos esta liña de traballo”.

A vitoria nesta proba correspondeu a Víctor Senra, a bordo dun Ford Festa R5. Meira fai unha valoración deste resultado, e da influencia que tivo no mesmo o novo regulamento técnico no Galego: “Como sabedes, este ano o noso coche viu mermadas as súas prestacións, sobre todo a nivel de potencia, por unha limitación regulamentaria. En todo caso creo que podemos ser competitivos, tanto de fronte ao título como para gañar ralis, o que sucede é que non se deron as condicións que nos favorezan. O noso coche aínda é un pouquiño máis potente que os R5, e iso pódenos beneficiar en tramos máis rápidos, con bo agarre. Pero nestes dous primeiros ralis da tempada houbo choiva, moito barro, asfalto moi sucio… e nesas condicións é máis fácil de conducir un R5, que é un coche máis lixeiro e áxil, a pesar de que creo que os nosos pneumáticos son mellores que os que eles empregan, por estar mellor adaptados a condicións cambiantes. Ademais na Coruña cometín un par de descoidos, que nun rali tan corto non tiven oportunidade de recuperar, e acabamos cuartos. En cambio aquí soubemos ler mellor a carreira, aproveitar as nosas ocasións. O resultado é que gañamos dous tramos (pola tarde, cando o asfalto estaba mellor) e terminamos en segunda posición. Veremos que sucede na próxima carreira, estou a desexar que chegue”.

A próxima cita do Campionato Galego será o Rali Ría de Noia (1 abril).

Anuncios