10 loitadores do Club de Loita Sabarís participan este sábado nos Campionatos Galegos júnior e escolar

O Club de Loita Sabarís desprazará a 10 dos seus loitadores nas categorías escolar e cadete aos Campionatos Galegos júnior e escolar de Loitas Olímpicas que se celebrarán este sábado no Pavillón Municipal de Vila de Cruces.

A Federación Galega de Loita en colaboración co Club de Loita Keltoi e o Concello de Vila de Cruces organizan este campionato galego cun total de 138 inscricións para as categorías júnior e escolar. Este campionato galego perfílase como un dos máis concorridos dos últimos anos. En total haberá 14 equipos que representan as 4 provincias galegas neste torneo de máximo nivel autonómico.

A competición desenvolverase en xornada de mañá, dende as 10:00 ata as 14:00 horas, de xeito ininterrompido, sendo a entrada o campionato totalmente gratuíta para os asistentes e curiosos que queiran achegarse.

Para continuar co impulso tecnolóxico en todas as competicións, este campionato será retransmitido en streamming, en directo, a través da plataforma de LaLiga4Sports, dende onde se poderá seguir en calquera parte do mundo.

Este campionato será o primeiro filtro para seleccionar os deportistas que acudirán aos Campionatos de España representando a Galicia, o vindeiro sábado 8 de abril, na cidade de Oviedo. Os seleccionadores galegos estarán moi pendentes dos resultados dos deportistas para confeccionar as diferentes seleccións galegas.