Anuncios
Ticker de novas

O alcalde considera “irresponsable e imprudente” a campaña de Nigrán Decide sobre a regularización catastral

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O goberno de Nigrán considera “totalmente irresponsable e imprudente” a campaña informativa anunciada por Nigrán Decide coa escusa de asesorar á veciñanza sobre a recente regularización catastral á construcións non dadas de alta realizada recentemente polo Ministerio de Facenda. Neste sentido, subliña que o único servizo de asesoramento técnico oficial (solicitado precisamente dende o Concello e ao marxe dos propios técnicos de Facenda) atende aos veciños dende o 13 de febreiro e ata o 3 de marzo nas instalacións do Centro de Información á Muller (CIM).”Os afectados deben dirixirse a estes servizos oficiais para efectuar reclamacións ou resolver dúbidas, non a ningún partido político que só busca crear confusión”, insiste o alcalde, Juan González, quen sinala “o perigo de que os afectados reciban información errónea ao non acudir ao lugar axeitado”.

O Ministerio de Facenda do Goberno de España informou o 15 de novembro de 2013 ao anterior goberno municipal do PP de que sumarían a Nigrán a esta regularización. A finais de novembro de 2013 se lle contesta dende o Concello mediante escrito de conformidade solicitando “que se demore a execución ata algún dos últimos tramos do período previsto ao efecto”, recibindo por resposta do Ministerio de Facenda que entón se levaría a cabo “no segundo trimestre de 2016”. Así, foi o 22 de febreiro de 2016 cando o Boletín Oficial do Estado publicou este procedemento de revisión das construcións non dadas de alta “co fin de garantir a concordancia entre a descrición catastral de bens inmobles coa realidade inmobiliaria”. Toda esta documentación de 2013 foi entregada precisamente a Nigrán Decide no derradeiro pleno, “polo que queda clara a súa mala fe á hora de difundir información ao respecto”, sinala o alcalde, Juan González.

No 2016 o Catastro realizou este traballo de campo no municipio e dende este organismo dependente de Facenda estase a comunicar actualmente a situación aos contribuíntes afectados. En total, detectaron 2.133 incidencias en Nigrán, entre elas 565 construcións novas, 198 piscinas, 80 reformas ou rehabilitacións, 6 cambios de uso e 1.284 ampliacións ou construcións auxiliares. É convinte aclarar que dita regularización excluirá a aplicación de sancións que puideran esixirse polo incumprimento da obriga de declarar de forma completa e correcta as circunstancias determinantes da alta ou modificación do procedemento de regularización.

Dende o Concello se recomenda encarecidamente aos veciños que resolvan calquera tipo de dúbida directamente en Facenda ou no servizo oficial de información e asesoramento á veciñanza, así, dous técnicos están a disposición dos interesados dende o luns 13 de febreiro ao venres 3 de marzo de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas nas instalacións municipais do Centro de Información á Muller (Estrada pola Vía 65, antiga estación de tranvía en Panxón).

Anuncios