Baiona celebra o mércores o Desfile de Comparsas e o Enterro da Sardiña

O Entroido de Baiona celebrará unha dobre xornada este mércores co Desfile de Comparsas e o Enterro da Sardiña na mesma tarde. Os actos comezarán ás 17:00 horas en Sabarís e está previsto que rematen sobre as 19:00 horas na Praia da Ribeira.

As previsións meteorolóxicas obrigaron este luns ao Concello de Baiona a trasladar ao mércores o Desfile de Comparsas que estaba programado para mañá martes. Ante a posibilidade de que a chuvia desluza o percorrido dos participantes, o desfile trasládase ao mércores á mesma hora.

Desta forma, a Sardiña non sairá dende a Praza do Concello como estaba previsto e completará tamén todo o percorrido dende Sabarís, pasando por Santa Marta, Monterreal e Elduayen ata acabar na Praia da Ribeira, onde se procederá á súa queima.

Hai un total de 20 comparsas inscritas e os premios irán dende os 900 euros para a gañadora ata os 650 euros para o segundo clasificado e 500 para o terceiro. Entre as demais comparsas participantes, repartiranse o resto dos premios (4.450 euros) que se distribuirán de acordo co número de compoñentes: de 81 a 100 compoñentes (500 euros), de 61 a 80 (400), de 41 a 60 (300), de 21 a 40 (200) e de 12 a 20 compoñentes (100).

O xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, as letras, etc., designadas polo Concello, e valorará, entre outros aspectos, os disfraces, máscaras, maquillaxes, etc., axeitados á temática que representen, a orixinalidade, enxeño, caracterización, instrumentalización, etc., a actitude no desfile acorde co motivo na exhibición, a calidade e creatividade na exhibición e o número de compoñentes.