Anuncios
Ticker de novas

Traballada vitoria do Cereixa ante o Tui

FOTO: CEREIXA GONDOMAR FS

Traballada vitoria dos pupilos de Rafael Salgueiro Troncoso e Nacho Troncoso Quintas nun partido con alternativas que finalmente se decantou ao lado local. E é que era unha xornada vital para manter o ritmo que marcan os de arriba onde ninguén cede puntos e os de Vincios non querían ser a excepción.

O partido empezou cun ritmo de xogo altísimo onde o Tui Futsal presentou un quinteto moi diferente ao da primeira volta que xogou de ti a ti no Municipal de Gondomar. Huguito Gonzalvez poñería por diante aos locais cun disparo axustado (1-0), antes de que David Barciela Bargiela convertésese na figura da primeira parte salvando unha e outra vez os ataques visitantes.

Descanso e xogadores a vestiarios.

No complemento o partido empezou torcido para o Cereixa FS e case ao minuto de xogo, o visitante empataba o partido (1-1). Acto seguido Edu Rodríguez Pérez (que non estivo acertado na defensa do primeiro gol visitante) resarcíase do seu erro e tras recuperar un balón en media pista, sorteaba ao último defensa axustando un disparo ao primeiro pau (2-1). O partido era disputado e as defensas impoñíanse aos ataques ata que Diego Rodríguez (que volvía de lesión), disparaba cruzado marcando o 3-1.

O visitante tirou de ataque en superioridade con porteiro-xogador a falta de cinco minutos para o final, pero na primeira recuperación, Luca marcaba o 4-1 disparando desde a súa pista. Non cedeu o Tui Futsal e recortou distancias mantendo a superioridade en ataque (4-2) pero a defensa local estaba ben plantada e Hugo marcaría a pracer o 5-2.

De aí ao final o Tui Futsal maquillou o resultado, pero nunca estivo en disposición de levar puntos do Municipal de Gondomar (5-3).

Final e alegría no vestiario local que non cede no seu empeño de seguir disputando esta liga ata o final.

Agora toca descansar e pensar no seguinte compromiso que será durísimo tamén. O equipo quixo brindarlle a vitoria a Gabriel Denis Vasconcellos, que estrea paternidade.

Anuncios