Nigrán conmemora o 180 aniversario de Rosalía con chapas elaboradas no CEIP Humberto Juanes

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán conmemorou o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro con chapas elaboradas no CEIP Humberto Juanes nas que sae o icónico rostro da escritora ao estilo do artista pop Andy Warhol. O centro educativo regalou un cento delas ao Concello co obxectivo de que nesta data fosen vestidas polos funcionarios e concelleiros, aos que se lle repartiu xunto aos deputados provinciais coincidindo co Pleno da Deputación de Pontevedra (a propia presidenta, Carmela Silva, luciu unha).

«Hai dous días festexábamos o Día Internacional da Lingua Materna e hoxe sumámonos ao CEIP Humberto Juanes para conmemorar o nacemento da nosa escritora máis señeira, quen reivindicou, dignificou, e elevou a nosa lingua materna ás máis altas cotas de beleza», sinala Juan González, alcalde de Nigrán, quen traslada o agradecemento ao colexio nigranés «pola doazón e o esforzo na elaboración das chapas».

A acción foi coordinada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Nigrán, departamento creado en 2016 a través dunha subvención de 7.440 euros da Deputación de Pontevedra e grazas á cal o Concello conta con este posto por vez primeira na súa historia.