Anuncios
Ticker de novas

Arranca “A Mar de Historias” cunha conferencia sobre as confrarías medievais de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona inicia a segunda edición do programa divulgativo “A Mar de Historias”, consistente nunha serie de encontros entre o público e autores, investigadores e creadores que contarán os seus traballos, obras ou estudos sobre temas relacionados con Baiona.

Cristina Vilar, Licenciada en Historia da Arte e Directora do Arquivo Histórico e a Biblioteca de Baiona, será a encargada de abrir o ciclo, este venres 24 de febreiro ás 20:00 horas no Auditorio da Casa-Museo da Navegación, coa conferencia titulada “Confrarías medievais de Baiona”.

Preténdese un formato flexible e aberto ao público nunha cita co autor e o seu relato, contado de forma atractiva e interesante. A flexibilidade céntrase nas temáticas para divulgar buscando a diversidade: arquitectura, arte, arqueoloxía, historia, fotografía e toda obra cultural relevante para a Vila, susceptible de incrementar o coñecemento e aprecio da mesma.

Tamén se inclúe neste programa a presentación dunha peza da Casa da Navegación, exposta ou non; así como de documentos antigos que forman parte do Arquivo Histórico, co obxectivo de dar a coñecer os bens patrimoniais da Vila.

“A Mar de Historias” celebrarase cunha periodicidade mensual ata xuño.

CARTEL A MAR DE HISTORIAS

 

Anuncios