Anuncios
Ticker de novas

O afundimento do Highland Pride

En 1929, nos farallóns, encallou o Highland Pride, un vapor máis dos moitos que desapareceron nestas perigosas rochas. Esta fotografía forma parte dunha secuencia na que se recollen as distintas fases do afundimento. Meses máis tarde deste naufraxio, o 24 de decembro dese mesmo ano, o vapor noruegués “Aslaug” encalla no mesmo lugar. Esta vez o mar non permitiu que o socorresen coma no caso do Highland Pride e todos os tripulantes faleceron. Aínda hoxe, os que viviron aquela traxedia lembran os avisos desesperados dos náufragos e a impotencia dos mariñeiros baioneses que ese día de noiteboa tentaron sen éxito achegarse ao barco noruegués. Como xa dixemos foi imposible socorrelos e coas luces da alba os habitantes de Baiona viron como unha onda arrancaba do mastro ao último home do “Aslaug”, que aínda seguía facendo sinais de socorro.

Hoxe, no cemiterio de Baiona, xusto á esquerda da entrada, unha tumba co epitafio “En memoria de los náufragos del Aslaug” alberga os restos das vítimas desde naufraxio.

Publicado en “O Val Miñor na Tarxeta Postal” (1999), de Salvador Fernández de la Cigoña Fraga. Editado pola Deputación de Pontevedra.

Anuncios