Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas vístese esta semana de gala

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Despois de iniciar o seu calendario o pasado fin de semana na provincia de Cidade Real, o Club Ciclista Rías Baixas presentarase por partida dobre este venres na súa terra. O persoal Elite e Sub23 da entidade presidida por José Luis Chamorro acudirá pola mañá á Deputación de Pontevedra e pola tarde celebrará a súa posta de longo no Parador de Baiona. Dous actos que serán a antesala do seu debut este domingo na Copa de España, un dos grandes obxectivos da tempada.

Acompañados por Juan González, alcalde de Nigrán, os corredores da formación miñorana serán recibidos o venres ás 10:30 horas por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e por Chelo Besada, deputada de deportes, no Pazo Provincial de Pontevedra. O Club Ciclista Rías Baixas exerce como un dos grandes abanderados do deporte pontevedrés por toda a península e con esta visita quere facer partícipe dos seus éxitos á institución provincial

A estrutura que dirixe Marcos Serrano protagonizou un inesquecible 2016 logrando a vitoria na clasificación xeral da Volta a Galicia, nos Campionatos de Galicia de fondo na estrada e contrarreloxo, e situándose como o terceiro mellor equipo da súa categoría no ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

Con moitas novidades no seu persoal, o Club Ciclista Rías Baixas vestirase de gala o venres pola tarde para presentarse oficialmente nun marco incomparable como é o Parador de Baiona. Esta gala arrancará ás 20:15 horas e reunirá a autoridades, deportistas e patrocinadores para festexar o inicio do quinto curso consecutivo do equipo no pelotón amateur.

Ao día seguinte, a formación do Val Miñor poñerá rumbo a Estremadura para disputar o domingo o Circuíto Guadiana, primeira proba puntuable da Copa de España 2017. Nas estradas da provincia de Badaxoz, os pupilos de Serrano buscarán ratificar a boa imaxe ofrecida o pasado fin de semana no Memorial Manuel Sanroma, onde quedaron moi preto da vitoria. Diego Tirilonte, unha das incorporacións para este curso, finalizou cuarto na clasificación xeral, tras lograr o sétimo posto na primeira xornada e o sexto na segunda.

Anuncios