Anuncios
Ticker de novas

O IES Val Miñor pon en marcha un programa de titorización entre alumnos para evitar o acoso escolar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Desde o mes de xaneiro, o IES Val Miñor de Nigrán está a aplicar o programa TEI (Titorización entre Iguais). Trátase dun proxecto educativo innovador para mellorar a integración escolar, a convivencia entre o alumnado e, para evitar o acoso escolar.

O programa TEI (Titorización entre Iguais), é un programa baseado no acompañamento de alumnos de 3º de ESO a alumnos de 1º de ESO (novos no centro). Cada alumno e alumna de 1º de ESO será titorizado por un compañeiro ou compañeira de 3º de ESO, que estará preto del coa finalidade de axudarlle na súa integración no centro, diminuír a súa inseguridade, mediar nos conflitos, actuar como referente para a mellora da autoestima e diminuír os desequilibrios de forzas que orixinan o acoso escolar.

Na aplicación do TEI, sensibilizarase ao alumnado contra o acoso escolar e a favor dun modelo de relación entre compañeiros baseado no respecto mutuo, na corresponsabilidade e na solidariedade.

Este modelo de relación entre compañeiros será reforzado nas horas de titoría e en distintos momentos ao longo do curso. Nestas sesións en departamento de orientación e os titores e titoras dos alumnos de 1º e 3º levarán a cabo unha serie de actividades, dinámicas e encontros para conseguir os obxectivos deste programa.

Un grupo de profesores e profesoras do IES Val Miñor realizou previamente un curso para a aplicación do programa TEI. O curso foi coordinado polo CEFORE de Vigo (Centro de Formación e Recursos) e impartido por Andrés González Bellido, psicólogo e orientador no Instituto Front Maritim de Barcelona, creador deste programa que se está desenvolvendo en 620 centros educativos de toda España.

Para celebrar a posta en marcha do programa, este luns o centro planificou diversas actividades: unha ruta de sendeirismo, unha visita da Asociación Moteira Customeiros, co obxectivo de coñecer a súa ideoloxía baseada na procura do respecto, a cooperación e non na competición co compañeiro moteiro, e a entrega de carnés aos alumnos e alumnas que serán os titores, para finalmente gozar do concerto dos grupos “Corre ve y dile” e “The Nutz”, co obxectivo de consolidar esa relación entre os alumnos e alumnas ao mesmo tempo que traballan outro tipo de contidos como o respecto pola natureza, a práctica do exercicio físico ou a educación viaria.

O programa TEI en cifras

O programa TEI inicia o seu desenvolvemento no 2002 e a súa aplicación en centros educativos no 2003. Actualmente está implantado en centros de primaria, secundaria e educación especial. En outubro do presente curso 2016-2017 as cifras eran 620 centros desenvólveno, con 14.000 profesores formados presencialmente e 24.000 participando no programa, 120.000 alumnos e alumnas titores e titorizados participando e 62.000 alumnos e alumnas formados coa metodoloxía TEI desde o seu inicio.

Anuncios