Domingo de coplas de entroido e danza en Gondomar

O domingo día 19 ás 12 da mañá os gondomareños e gondomareñas están convidados a desfrutar do I Recital de Coplas da vila, organizado polo Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros e co que colabora a Concellería de Cultura de Gondomar, dirixida por Nuria Lameiro.

Os grupos que queiran participar teñen as bases e a ficha de inscrición dispoñibles na páxina de Facebook do Centro Cultural de Peitieiros. Unha vez cuberta a ficha de inscrición deberán remitila á dirección de correo ccpeitieiros@gmail.com. O prazo finaliza ás 24 horas do día 16 de febreiro.

Ademais de cantar coplas os participantes realizarán un pasarrúas dende a Alameda de Gondomar ata a Praza Ángel Urzaiz, onde se celebrará o certame. Todos eles asistirán disfrazados. Será un xurado, no que participará o Alcalde, Paco Ferreira, o encargado de entregar os premios aos grupos participantes. No caso de mal tempo o recital trasladarase ao Auditorio Lois Tobío.

Concluído o recital, a Asociación de Danza de Gondomar presentará o seu espectáculo Zarpiñas e Miaños na Praza do Concello ás 14:00 horas.