O Concello de Baiona garante a calidade da auga do encoro de Baíña

FOTO: PEPE COSTAS // Encoro de Baíña.

Ante as declaracións feitas nas últimas horas pola Comunidade de Montes de Baíña sobre a existencia dunha granxa próxima ao encoro, o Concello de Baiona quere tranquilizar á poboación e asegurar dende o punto de vista sanitario a total salubridade da auga.

O Concello de Baiona garante unha vez máis que a calidade da auga do encoro de Baíña é coma sempre excelente e non existe ningún risco no seu consumo. Todos os informes, tanto os feitos pola concesionaria Gestauga cada quince días coma polo departamento autonómico de Augas de Galicia cada mes, outorgan á auga unha cualificación excelente, polo que o Concello desminte que exista calquera problema na auga para o seu consumo.

“Estamos ante un pleito interno entre unha Comunidade de Montes e un particular. O embalse é competencia de Augas de Galicia e o Concello de Baiona é o responsable da rede, que está en óptimas condicións”, afirmou Iglesias, 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Baiona.