Anuncios
Ticker de novas

Medio Rural duplica o número de trampas que distribuirá este ano contra a vespa velutina

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, formalizou esta mañá o acordo coas catros asociacións apícolas de Galicia para levar a cabo a distribución de trampas e de botes de líquido atraente contra a vespa velutina, un reparto que comezará mañá mesmo e que neste ano 2017 dobra o número de aparellos. A consellería achegará máis de 5.600 trampas e as súas correspondentes monodoses de líquido atraente contra este insecto, que se suman ás máis de 5.000 repartidas nos últimos dous anos.

O reparto faise despois de reunirse con todas as entidades implicadas e chegar a un acordo polo cal Medio Rural repartirá as trampas en función do número de colmeas e das zonas afectadas. Así, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) recibirá 2.273 trampas e 13.638 monodoses de 10 mililitros de líquido atraente, destinadas a 1.119 asentamentos apícolas. A Agrupación Apícola de Galicia, 539 trampas e 3.234 monodoses para 251 asentamentos apícolas. A Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA), 240 trampas e 1.440 monodoses destinadas a 130 asentamentos apícolas e, por último, a Asociación Abellas Nais disporá de 95 trampas e 570 monodoses para 37 asentamentos apícolas.

En total, serán 3.147 trampas as que recibirán estas asociacións para repartir entre os seus socios, pero os apicultores non integrados en agrupacións tamén contarán con estes aparellos. Así, a través das Oficinas Agrarias Comarcais distribuiranse outras 2.512 trampas para 1.651 explotacións. En total, en toda Galicia só neste ano vanse poñer 5.659 trampas, co seu correspondente líquido atraente, destinados a un total de 3.188 asentamentos apícolas.

Neste sentido, Ángeles Vázquez, insistiu na importancia de que sexan os expertos os que coloquen e fagan a distribución deste material dado que a instalación de trampas en zonas nas que non se coñeza a presenza desta especie ou a utilización dun número excesivo das mesmas vai supoñer que se capturen indiscriminadamente outras especies de insectos, coma a nosa vespa común, a única que pode loitar contra a invasora.

Por iso, a conselleira agradeceu a colaboración das asociacións de apicultores tanto á hora de diferenciar os niños como co apoio de persoal e mesmo realizando directamente a retirada de niños, en colaboración con outras unidades integradas no plan de vixilancia de control da vespa velutina. “Darlles as grazas pola vontade que tiveron de chegar a un consenso neste acordo e agardo que sigamos na mesma liña polo ben dos apicultores e do ecosistema”, declarou a titular de Medio Rural.

O reparto de trampas é unha das actuacións prioritarias que desenvolve Medio Rural dentro do plan de vixilancia e control dado que se trata de un sistema exitoso para a captura de raíñas. Cada raíña capturada significa un niño menos no contorno. Pero non é a única vía de loita deste programa. Ademais da retirada e inactivacións de niños (9.508 niños durante o 2016 en toda Galicia), lévase a cabo campañas de formación e de divulgación e apóstase pola investigación en colaboración coa comunidade científica e coas universidades galegas para mellorar o coñecemento sobre o ciclo biolóxico e o comportamento deste insecto.

Anuncios