A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa nos litorais da Coruña e Pontevedra

FOTO: VIGOE.ES

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra a partir das primeiras horas de mañá e que se prolongará, previsiblemente, ata a noite.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) espérase mar combinada do oeste de 5 a 6 metros, que afectará ao litoral da provincia de Pontevedra e ao noroeste, oeste, e suroeste da Coruña.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.