Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil detén a un veciño da comarca de Vigo por agresión sexual a unha menor

A Garda Civil detivo a un home de 41 anos e veciño dun dos municipios da comarca de Vigo, como presunto autor dun delito de agresión sexual e ameazas a unha menor. O Xulgado de Instrución de Garda do Porriño ordenou o seu ingreso provisional en prisión polos mesmos delitos.

A denuncia da nai da menor e a colaboración dos amigos e persoas da súa contorna posibilitaron a investigación que culminou co arresto do home, con antecedentes por outras causas. O home aproveitou a relación da menor con outra nena da súa familia para chegar ata ela e, tras saír das instalacións educativas nas que cursa os seus estudos, acompañábaas ata os seus respectivos domicilios.

En pouco máis dunha semana, o home forxou unha relación coa menor, á que, presuntamente forzou, ameazándoa cunha arma branca e con facer dano á súa familia se non se dobregaba aos seus desexos. A intervención da nai, alertada por algúns veciños, destapou a suposta relación, que o negaba asegurando que só era unha amizade, e posibilitou o poder axudar á menor para que superase o medo que el lle había inflixido durante as tres semanas anteriores ao arresto, tempo que coincide co período no que se coñeceron.

A investigación levada a cabo polo EMUME (Equipo Muller Menor) da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra, determinan que, presuntamente, houbo relacións sexuais forzadas e que, aos posibles danos e secuelas emocionais da menor, hai que sumarlle tamén as físicas xa que a vítima sufriu varios golpes nun brazo e na cara.

As ameazas e agresión con arma branca repetíronse con outro mozo, amigo da vítima, ao que o detido quixo intimidar para que lle dixese como localizar á menor unha vez que a súa nai, habendo coñecido e denunciado os feitos ante a Garda Civil, conseguiu illala bloqueando o seu móbil e tendo que chegar a cambiar de domicilio durante uns días para preservar a súa seguridade.

A denuncia da familia facilitou a posta en marcha da investigación que evitou que se mantivese ou prosperase esta situación de consecuencias impredicibles para a menor, tan manipulada polo arrestado, que chegou a ver nel a un amigo.

A Garda Civil insiste na necesidade de denunciar ante calquera sospeita ou indicio de violencia xa que son os familiares, amigos e coñecidos, na maioría dos casos, os primeiros en darse conta das ameazas que estea a soportar ou sufrindo unha muller, sexa menor ou maior de idade.

Anuncios