
O corpo técnico do Club Ciclista Rías Baixas contará esta tempada con Jose Abalo como segundo director. Este graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte exerceu a pasada campaña de axudante en prácticas de Marcos Serrano e neste 2017 consolidará as súas funcións dentro da estrutura presidida por José Luis Chamorro.
Con pasado como corredor en diferentes clubs da provincia, Abalo está a encargarse durante este inverno de supervisar os datos dos adestramentos de cada ciclista. O seu traballo completa o de Serrano e o do preparador Óscar García, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte: «Os adestramentos en bicicleta lévaos Marcos e os mozos envíanme a min os datos para que eu vexa como evolucionan e que fai falta modificar. Óscar supervisa todo isto e traza a liña para seguir».
«A miña misión é axudar ao equipo e, sobre todo, a Marcos para que el poida desenvolver a súa función ao 100%», explica Abalo, que asumiu un dos traballo de pretempada: «A preparación no ximnasio están a levala a cabo comigo. Os ciclistas veñen tres días á semana á facultade e alí realizan os exercicios baixo a miña supervisión. Esta parte deséñaa Óscar e ata que el non dá o visto e prace non se executa».
Ao longo do curso, e ao posuír o título de Director Deportivo Nivel III, tamén lle tocará poñerse ao volante: «Na próxima concentración sacarei aos rapaces para adestrar porque Marcos estará na Copa de España cunha parte do equipo e se nalgún momento da tempada tócanos dobrar eu irei con algún dos dous grupos. Serrano vai ensinando cousas para formarme como director».
A súa chegada ao Club Ciclista Rías Baixas produciuse mercé ao convenio entre a Universidade de Vigo e a entidade miñorana. Abalo traballa con «o propósito de aprender o máximo de todos os membros do staff. En poucos ou ningún sitio tense ao teu lado xente como a deste club. Tentarei aproveitar ao máximo a oportunidade que me brindou a directiva e o corpo técnico».
Be the first to comment