Anuncios
Ticker de novas

ViaGalicia publica os 18 proxectos que pasan á fase de aceleración

Hoxe, 27 de xaneiro, ás 14 horas, publicouse na web de ViaGalicia a relación dos 18 proxectos que foron seleccionados para pasar á fase de aceleración. Son quince proxectos empresariais de diversos sectores e tres do sector aeronáutico e espacial (aeroespacial) que comezarán a acelerarse en febreiro no Centro de Negocios e no Edificio tecnolóxico Aeroespacial que o Consorcio da Zona Franca de Vigo ten no Parque Empresarial de Nigrán.

A Delegada do Estado no Consorcio, Teresa Pedrosa, e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde destacaron a calidade e a evolución dos 40 proxectos (20 na sede de Lugo e 20 na de Vigo) que optaban a pasar a esta nova fase. Os proxectos traballaron durante os tres últimos meses realizando sesións conxuntas e titorías individuais. Todos eles levaron a cabo un extraordinario traballo onde a maioría conseguiron ter un produto mínimo que probaron no mercado e todos dispoñen xa dunha páxina web ou, polo menos, unha landing page.

Nesta nova fase que empeza agora, a Zona Franca e o Goberno Galego, a través das súas axencias GAIN e IGAPE, e coas sociedades de capital-risco Vigo Activo e Xes Galicia, apoian os dezaoito proxectos seleccionados cun financiamento de ata 125.000 euros para cada un deles para que desenvolvan os seus negocios e consigan lanzar realmente ás súas empresas ao mercado. Así, este programa achégalles un total de 2.250.000 euros de financiamento directo en forma de subvención ou de préstamos participativos.

Ademais deste financiamento e do aloxamento gratuíto, cada proxecto terá asignado un titor especializado que lles acompañará durante esta fase na que se realizarán tamén diversas sesións de networking con outros emprendedores, empresarios ou institucións que lles achegarán coñecementos prácticos, valor e contactos aos emprendedores.

A finais de 2017 todos os proxectos constituiranse como empresas e deberán desenvolver e vender o seu produto ou servizo. Os que terminen con éxito serán presentados por ViaGalicia a posibles investidores.

Por esta combinación de apoio económico, de consultoría e mentorización e polas infraestruturas que se poñen a disposición dos emprendedores, ViaGalicia está considerada como unha das aceleradoras de empresas máis potentes de España e, sen dúbida, a mellor aceleradora pública.

Nesta cuarta edición, ViaGalicia fixo especial fincapé en potenciar dous sectores específicos: o aeroespacial e o de tecnoloxías 4.0.

No aeroespacial seleccionáronse dous proxectos de sector espacial e un do aeronáutico: AISTECH SPACE (xera información de valor a partir de datos captados desde o espazo mediante unha constelación de cubesats), ALÉN SPACE (ofrecerá servizo frecuente e estándar a empresas que queren probar os seus produtos no espazo) e 3EDATA ENXEÑERÍA AMBIENTAL (analiza información de datos e imaxes obtida mediante UAV).

O segundo é o de tecnoloxías 4.0 no que se seleccionaron a 3D CLICK (plataforma na nube para presentacións interactivas en 3D con funcións de Realidade Aumentada AR). Destas tecnoloxías elixíronse varios proxectos que, aínda que non entran na fase de aceleración, van pasar por un programa especial de apoio e titorización deseñado especialmente para eles por GAIN con CIS Galicia e coa Zona Franca.

Pero ViaGalicia é unha aceleradora xeneralista que busca apoiar todo tipo de proxectos e sectores que cren riqueza na nosa comunidade, por iso o resto dos 15 proxectos son de moi diferentes áreas.

Así podemos citar proxectos TIC: para o sector farma, AFFINIMETER (software científico para análise de datos para a industria farmacéutica que aumenta as posibilidades de descubrir novos fármacos); para mellorar a competitividade das empresas, BOARDFY (radar de prezos online SaaS que permite a unha empresa ou marca controlar os prezos dos seus competidores); para dar servizo ao sector do interiorismo, PETIT CANDELA / DECOen4pasos (plataforma de comunidade de blogues para realizar proxectos de interiorismo online); ou para mellorar a seguridade na estrada, HELP-FLASH (luz de emerxencia para vehículos conectada mediante unha app á compañía de seguros ou aos servizos de emerxencia).

Tamén hai proxectos de produtos de téxtil, moda ou agasallo como: ALAZIA (marca de moda casual sustentable tanto pola súa fabricación como polos seus tecidos ecolóxicos e reciclaxes), IDAWEN (fabricación de accesorios e moda deportiva con tecnoloxía de impresión dixital), THUNDERS LOVE (calcetíns orixinais que se converten na nova gravata); PAUS (vinilos adhesivos con máis de 200 usos para tapar webcams ou para soster smartphones), ou MR. BROC (produtos personalizados e deseñados a partir do debuxo dos nosos nenos).

Servizos ou produtos de e-commerce como SEND2ME (caixa de correos intelixente xestionada desde unha APP que resolve a entrega e recollida de paquetes nas vivendas) ou FILAMENT2PRINT (venda de produtos para a impresión 3D coa maior gama de materiais industriais do mercado europeo).

De lecer: ATLANTEAT (entrega a domicilio de produtos e receitas semicocinadas para amantes da cociña sen experiencia ou sen tempo) ou TOLEMIAS (produción e distribución de contidos musicais en directo a través de plataforma dixital).

E por último un proxecto como CONFORTA (financiamento mediante crowdfunding da compra e rehabilitación de vivendas en centros históricos para ser dedicadas a alugueres turísticos).

Esta selección realizouse despois de que os responsables dos proxectos das sedes de Lugo e Vigo defendesen a súa idea de empresa durante as xornadas denominadas “Demo Day” celebradas o fin de semana pasado.

O Conselleiro de Industria e a Delegada de Zona Franca expresan a súa felicitación aos proxectos seleccionados e envían unha mensaxe de ánimo aos non seleccionados. O equipo de ViaGalicia e todas as institucións que promoven a aceleradora seguirán colaborando con estes últimos pois a calidade dos proxectos e dos equipos que este ano competiron por chegar á aceleración foi moi elevada e moitos deles van seguir co seu proxecto empresarial.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.