Anuncios
Ticker de novas

Baiona será sede da última xornada da Liga Nacional de Bádminton

O Pavillón Municipal de Baiona acollerá os próximos 4 e 5 de febreiro a última xornada da Liga Nacional de Bádminton na que un total de 16 clubs de toda España loitarán por decidir o título e as prazas de permanencia na categoría.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal; a concelleira de Deportes, María Jesús Martíns; a secretaria do Club Bádminton As Neves, Ana Durán, e o responsable de promoción da Federación Galega de Bádminton, Pablo Méndez, foron os encargados de presentar este xoves no salón de plenos do Concello de Baiona unha competición que traerá á Real Vila a uns 150 xogadores.

Esta última xornada da Liga Nacional comezará o sábado (de 12:30 a 21:30 horas) e disputarase durante todo o día con enfrontamentos entre todos os equipos ao mellor de sete partidos. O domingo a competición comezará ás nove da mañá e terminará ás 12:30 horas, cando está prevista a entrega de premios.

Ao evento acoden clubs de Andalucía, Asturias, Baleares, Cataluña, Madrid, Navarra, Valencia e Galicia. Por parte galega, o Club Bádminton A Estrada é o actual líder da competición, polo que se xogará o título ante o Caser Clear Madrid, segundo clasificado con tres puntos menos. O outro participante galego, o Club Bádminton As Neves, é o organizador desta última xornada da Liga Nacional e deberá loitar por conseguir a permanencia.

“É unha honra para nós converternos na sede da competición e apostamos por este deporte, no que Baiona foi pioneiro en Galicia hai xa moitos anos, para que podamos repetir de novo en futuras edicións”, sinalou o alcalde, Ángel Rodal.

Pola súa banda, Ana Durán animou a todos os veciños de Baiona e do resto da comarca para acudir ao Pavillón Municipal para asistir a “a xornada máis importante da tempada” no bádminton nacional. “Como organizadora e integrante do club das Neves, espero que nós podamos salvar a categoría e que A Estrada logre o título”, sinalou tras desculpar a ausencia do presidente da Federación Galega, Rodrigo Sanjurgo, por motivos familiares.

Ademais, Pablo Méndez, responsable federativo de promoción, destacou que estarán en Baiona os xogadores “top” de España, entre os que se atoparán os campións de Europa sub19 e sub17. “Son os futuros Carolina Marín do bádminton español”, asegurou.

Anuncios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.