Sin categoría

A comunidade educativa de Panxón proponse o reto de acadar as 70 doazóns de sangue

A comunidade educativa de Panxón (formada polo CPI Arquitecto Palacios, Escola Infantil As Dunas e CEE de Panxón) repite este martes 16 de abril a súa campaña solidaria de doazón de sangue co reto de acadar os 70 doantes, 11 máis que no 2023. Con este propósito, o Concello de Nigrán colabora para que mañá estea no recinto escolar (Camiño dos Lagos s/n) unha unidade móbil de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas.

Os estudantes (que presentaron esta mañá a iniciativa coa presenza do alcalde, os directores dos centros e unha representante de ADOS na área) levan meses traballando na cartelería promocional, aprendendo a importancia do sangue, os requirimentos para poder doar ou preparando experimentos divulgativos que poñerán en práctica cos nenos da EEI “As Dunas”. Se o ano pasado acadaron 59 bolsas das que 20 procedían de novos doantes, agora o reto pasa por acadar 70, por iso fan un chamamento a toda a comunidade educativa e ao conxunto da veciñanza de Nigrán.

“Estamos moi agradecidos de que lideren esta campaña que, en definitiva, divulga entre a veciñanza a importancia de doar sangue, é algo que leva menos de 15 minutos, é incluso saudable para o doante, e, sobre todo, axuda a salvar vidas. Non hai que agardar a unha catástrofe para facelo, todos os días se precisan sangue nos hospitais”, indicou o alcalde, Juan González.

Segundo sinalou Sabela Lareo, representante de ADOS na área de Vigo, Galicia precisa de 500 bolsas diarias de sangue e o habitual é non acadalas, xa que a media de doantes está establecida en 103.525 ao ano, o que se traduce en 38,4 por cada mil habitantes, aínda insuficiente, por iso agradeceu especialmente á comunidade educativa que repita esta campaña.