Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas, anfitrión dos dirixentes máis importantes do ciclismo mundial

Un total de 51 Federacións Nacionais e ao redor de 200 asistentes daranse cita desde este venres en Santiago de Compostela, convertida durante tres días na capital do ciclismo mundial. A Unión Ciclista Internacional (UCI) celebrará o sábado unha sesión de traballo no Hotel OCA Puerta del Camino e o domingo chegará a quenda do 36.º Congreso da Unión Europea de Ciclismo (UEC), que terá como escenario a Cidade da Cultura de Galicia. Durante esta fin de semana abordaranse temas de tal relevancia como o programa de ciclismo nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, o calendario de campionatos continentais ou a oferta de Galicia para o turismo en bicicleta.

Grazas ao apoio institucional da Xunta de Galicia, a Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) e o Vigo-Rías Baixas exercen de anfitrións durante tres xornadas que ofrecen un extenso programa de actividades. O primeiro acto será simbólico e levarase a cabo este venres. Dentro da campaña UEC Forest plantarase unha árbore. Unha acción que a Unión Europea de Ciclismo xa realizou en oito países, lista á que agora se unirá España, e coa que se representa o compromiso deste deporte co medio ambiente.

Desde as 09.00 horas do sábado desenvolverase a UCI Sharing Platform. Entre os puntos para tratar nesta reunión de traballo da institución máis importante do ciclismo mundial aparecen os Campionatos do Mundo desde o ano pasado (2023) ata o 2027 e o programa deste deporte dentro dos Xogos do próximo verán en París.

Ao longo desta xornada darase a coñecer a riqueza paisaxística e ambiental de Galicia. Para iso, presentaranse os 52 roteiros cicloturísticos recollidos na iniciativa “A Paisaxe de Galicia desde a Bicicleta”. A Cea de Gala e unha visita nocturna á Catedral de Santiago de Compostela poñerán o colofón a este día.

Para o domingo queda o acto central, o 36.º Congreso da UEC. Enrico della Casa, presidente desta entidade; José Luis López Cerrón, presidente da RFEC; e David Lappartient, presidente da UCI; serán os encargados de dar a benvida cos seus discursos. Ademais das accións relacionadas coa xestión do organismo continental, a axenda deste conclave reflicte a entrega de premios polos resultados cultivados en 2023 na clasificación de países e no medalleiro dos Campionatos de Europa.

Os últimos detalles para a organización deste dobre evento, de tanta relevancia deportiva como turística, tratáronse este xoves nunha reunión na que xunto a Enrico Della Casa participaron José Luis Chamorro, presidente do Vigo-Rías Baixas; Alejandro Martín, secretario xeral da RFEC; e Lalo Crespo, director do Hotel OCA Puerta del Camino.