O GALP abre o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de axudas de 2024

O prazo para presentar solicitudes de axuda para proxectos ao amparo das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), aprobados pola Consellería de Mar aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e correspondentes á Convocatoria 2024 do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, se abrirá este xoves 1 de febreiro e permanecerá activo durante un mes, ata o 1 de marzo de 2024. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica esta convocatoria, na que se repartirán un total de 19.550.000 € en tres anualidades, dos que 5.000.000 € corresponden ao GALP Ría de Vigo-A Guarda.

Poderán ser beneficiarios das axudas as seguintes persoas físicas e/ou xurídicas:

-Pequenas e medianas empresas (PYMES) e persoas autónomas, con domicilio fiscal e social en Galicia e relacionadas de algunha forma co sector pesqueiro. (Deberán cumprir unha serie de requisitos recollidos na orde publicada hoxe, e que pode consultarse nesta ligazón).

-Persoas xurídicas sen ánimo de lucro, con domicilio fiscal e social en Galicia. Aquí inclúense confrarías de pescadores e as súas federacións, asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións, entidades sen ánimo de lucro integradas por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro, entidades públicas locais, asociacións declaradas de utilidade pública, e entidades sen ánimo de lucro (consultar na ligazón os obxectivos que deberán cumprir estas últimas para optar ás axudas).

Para máis información, pódese contactar co GALP da Ría de Vigo-A Guarda (que integra os concellos de Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Moaña e Cangas) na Avenida de Beiramar, 49 – 3º, Vigo (Pontevedra), no correo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal ou telefonicamente nos números: 986 358 109/646 873 106.