Sin categoría

Gondomar dedica 15.000 € a repartir entre as comparsas participantes no Desfile de Entroido

O Concello de Gondomar abriu o pasado día 9 de xaneiro o prazo de presentación de solicitudes para participar no seu tradicional Desfile de Comparsas de Entroido que terá lugar o domingo 11 de febreiro. Na súa edición anterior foron 17 as agrupacións que desfilaron polas rúas de Gondomar, cifra que moi probablemente superarase na edición deste ano, ante o ritmo de entrada de solicitudes ata o día de hoxe, cando aínda quedan seis días para que remate o prazo, o día 22 deste mes.

O importe total que o goberno local de Gondomar destinará este ano para repartir entre as comparsas participantes será de 15.000 euros, con cantidades asignadas en función dos parámetros que figuran nas bases e que fan referencia principalmente ao número de compoñentes da comparsa, que oscilan entre os 300 euros para as comparsas máis pequenas, ata os 700 euros para as comparsas máis numerosas e que ademais acheguen máis dunha carroza ao desfile.

Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, sinalou que “o Desfile de Comparsas de Entroido de Gondomar é un dos que máis participantes e público congrega de cantos se celebran na nosa comarca, polo tanto dende o Concello facemos cada ano un esforzo económico importante para que todas as asociacións e colectivos que queiran participar o poidan facer nas mellores condicións”. As bases e os impresos de solicitude están dispoñibles na web do Concello de Gondomar.