As principais rúas de Baiona enchéronse un ano máis, e a pesar da choiva, de centos de veciños e visitantes de todas as idades para recibir ás Súas Maxestades de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar partiron desde a rotonda da Urbanización Puente Romano de Sabarís para continuar por Julián Valverde, Porta do Sol e a Avda. Urbana ata a Praia de Santa Marta, onde se uniu a Comitiva Real. A Rondalla da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios foi a encargada de encabezar o desfile. Seguíronlle as carrozas do Erizana Club de Fútbol, o Baíña Fútbol sala e o grupo de baile Giro’s de Baíña. Abrindo o paso ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente foi un grupo de Trasgos de Nadal.
A Comitiva Real encheu de cor e música os máis de dous quilómetros de percorrido, pasando pola Avda. Monterreal, Alférez Barreiro, Paseo Elduayen, Avda. Ramón y Cajal, Avda. Joselín, Tomás Mirambell e Palos de la Frontera, repartindo máis de 1.500 quilos de caramelos aptos para celíacos. A continuación, as Súas Maxestades percorreron a pé as rúas Carabela Pinta, Ventura Misa e Lorenzo de la Carrera para finalizar na Praza do Concello. Alí, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, fíxolles entrega da chave mestra coa que poderán acceder esta noite a todas as vivendas da vila. Despois, Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron por centos de nenos e nenas, aos que entregaron o primeiro agasallo da noite.

