Os socialistas de Baiona denuncian que unha vez máis o Partido Popular “despreza a lingua galega para logo facer uso electoral da mesma e poñerse a medalla de Galicia”. Xa no pleno de setembro, o portavoz socialista, Carlos Gómez, preguntou ao alcalde Almuiña pola utilización do castelán por enriba do galego en redes sociais. “A súa resposta foi que sempre se empregarían ambas”.
“Pola contra, este mes de novembro os veciños e veciñas recibiron nas súas casas un novo almanaque cun discurso de Almuiña en castelán. Trátase dun desprezo do galego feito dende unha institución municipal que se esquece dos veciños e veciñas e só pensa en facer propaganda do alcalde”, afirman desde o PSdeG.
“Almuiña non respecta nin a lingua nin a cultura galegas, só hai que ver a súa campaña, mitins, discursos e sesións plenarias. Desde fai anos hai un compromiso por parte de todas as administracións para fomentar a nosa lingua e, unha vez máis, o PP de Baiona non cumpre”, conclúen os socialistas.

