Volve o vixente campión, tanto de España como de Europa. Volve a Selección Galega UEFA que fixo historia este pasado mes de xuño en Galicia ao conquistar por primeira vez o torneo continental do fútbol afeccionado nunha tarde histórica na Lomba. Volve o equipo de todos, a Selección Galega. O Campo Federativo de Coia, en Vigo, albergará a primeira fase nacional da Copa das Rexións UEFA na que a Selección Galega, vixente campioa de España e de Europa, enfrontarase a Canarias e Aragón. A cita terá lugar do 8 ao 10 de decembro.
Galicia marcou o camiño cara á gloria das 19 federacións territoriais que participarán nunha nova edición da Copa das Rexións UEFA, a competición por antonomasia do fútbol afeccionado. A Copa das Rexións organizada por UEFA chega esta tempada á súa décimo terceira edición, que arrincará cunha primeira Fase Nacional que se disputará a partir do 8 de decembro. Así, serán 6 as comunidades autónomas que exercerán como sedes desa primeira Fase Nacional: Andalucía, Principado de Asturias, Castilla-La Mancha, Comunidade Valenciana, Extremadura e a propia Galicia.
Galicia foi a campioa da Copa das Rexións na súa anterior edición, dándolle a España o seu terceiro título do torneo. Fíxoo, ademais, na súa casa e ante o seu público, no que foi unha auténtica festa do fútbol afeccionado galego e español.
Os 18 elixidos para a primeira fase nacional
O seleccionador galego, Iván Cancela, deu a coñecer este luns 27 de novembro os 18 futbolistas citados para disputar esta primeira fase do Campionato de España. Entre os elixidos está o baionés Antón Iglesias “Kopa”, do Rápido de Bouzas.
O martes 5 de decembro, último test antes da primeira fase
A Selección Galega UEFA, unha vez coñecida a convocatoria de 18 futbolistas que disputarán esta primeira fase nacional, disputará o martes 5 de decembro o último encontro amigable de preparación. O rival será o RC Celta C-Gran Peña que milita na Terceira Federación e o partido terá lugar no Campo Federativo de Coia a partir das 18 horas.
O xoves 7, inicio da concentración
O combinado galego concentrarase o xoves día 7 de decembro. Galicia establecerá o seu cuartel xeral en Sanxenxo, unha paraxe de grandes lembranzas para os nosos, posto que o paraíso das Rías Baixas tamén foi o lugar de concentración da Selección Galega na última fase final europea da Copa das Rexións UEFA. Os 18 futbolistas citados por Iván Cancela concentraranse o xoves pola mañá para adestrar e posteriormente quedar instalados no Gran Hotel Talaso.
Galicia, anfitrioa no seu grupo
A vixente campioa de España e de Europa, a Selección Galega que dirixe Iván Cancela, xogarase o pase á seguinte Fase Nacional na casa. Farao no Campo Federativo de Coia, encadrado no Grupo E e medirase a Canarias na primeira xornada e a Aragón na segunda.
Horarios e orde dos partidos
Todos os encontros que terán lugar no Campo Federativo de Coia entre o 8 e o 10 de decembro disputaranse a partir das 12 horas. A orde dos mesmos é a seguinte:
- Venres 8 de decembro
Canarias – Galicia - Sábado 9 de decembro
Aragón – Canarias - Domingo 10 de decembro
Galicia – Aragón
Cómpre salientar que para a seguinte fase clasificaranse as primeiras de cada grupo e as dúas mellores segundas.


