O CB Nigrán, con motivo do Día contra a Violencia de Xénero, quere render un ano máis unha sentida homenaxe ás súas vítimas a través da edición dun vídeo no que aparecen representantes de diferentes ámbitos da sociedade como a campioa do mundo e balón de Ouro Aitana Bonmatí, a xogadora da selección española de baloncesto Laura Gil, a Presidenta da Federación Española de Baloncesto Elisa Aguilar, o actor Cándido Pazó, os Mozos de Arousa, a actriz de “Matria” Marí Vázquez, ou a campioa de Europa de Judo sub-23, Laura Vázquez, ademais dos claustros de profesores de diferentes centros educativos de Nigrán e os propios xogadores e xogadoras do club.
Todos eles aparecen no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller asasinada así como por cada un dos nenos e nenas asasinados neste 2023. Todos quixeron colaborar nesta iniciativa do Club de Baloncesto Nigrán, que forma parte do traballo social que realizan desde o club, onde consideran un aspecto fundamental traballar valores a través do deporte.
Con cada un destes balóns que simbolizan ás vítimas o Club Baloncesto Nigrán debuxou un gran lazo na pista de xogo do Pavillón Municipal de Panxón en torno ao cal se colocaron os xogadores, adestradores, directivos e familias do club, constituíndo a imaxe final do vídeo a través do cal o CB Nigrán busca concienciar e sensibilizar sobre “esta secuela social que non cesa no seu goteo de vítimas e que sirva como un pequeno gran de area na loita contra a violencia machista”.





